Día da Patria 2015: Construír nas rúas o socialismo para facernos donos do noso futuro.
Un ano máis atopámonos
a tan só uns días do 25 de Xullo, Día da
Patria Galega. Como todos os anos
nestas datas os traballadores, os estudantes, os parados... saen á rúa a reivindicar os dereitos nacionais do pobo
galego. Pois como xa é ben sabido estes son negados intransixentemente polo
Estado Español, tanto aquí como no resto de nacións oprimidas; un claro exemplo
do mesmo é a situación de Catalunya.
Como mostra a
situación non hai probabilidade algunha de que este réxime vaia ceder no
dereito a decidir libremente do pobo galego; dende 1936 deixaron claras as súas intencións: a unidade de España é
incuestionable e todo movemento en prol da independencia ou do dereito de
autodeterminación dos pobos será represaliado e perseguido. Tal política sería
mantida ao pe da letra na transición e
quen non tragase e pasase polo aro xa
sabía o que lle esperaba: persecución, tortura e cadea.
A día de hoxe atopámonos
nunha situación, salvando as distancias, parecida a aqueles escuros anos da
reforma política. A base social do réxime vese mermada, as protestas destes últimos anos desgastaron aos partidos,
institucións e sindicatos de Estado. Ante isto só lles quedan dúas bazas: a represión por un lado e o lavado de cara
por outro.
Sobre o primeiro
pouco hai que dicir, a represión cada día vai máis en aumento, así como se institucionaliza a mesma coa Lei Mordaza e
reforma do Código Penal. Por outra banda incrementase o control policial
sobre a poboación tanto nas rúas como nas redes, todo claro baixo o pretexto da
terrible ameaza yihadista que eles mesmos
apoiaron.
Xunto con isto,
como diciamos, saben que só lles queda renovarse
ou morrer, así primeiro prepararon unha nova sucesión monárquica, e agora vemos como xorden novos partidos que dilúen todas as reivindicacións populares que
viñan reivindicándose na rúa, e servíndose da falta de organización e o desgaste do movemento encauzan o mesmo cara
as institucións.
Desta forma non
debe estrañarnos que non plantexen
claramente a autodeterminación dos pobos, mais ben todo o contrario,
manteñen a cuestión nunha ambigüidade cómplice
co Estado e repiten como loros que non é unha cuestión fundamental. Polo nosa
parte témolo claro: quen non reivindica
o dereito a decidir dos pobos oprimidos non pode ser considerado sequera un
demócrata, así non pode cabernos dúbidas de que estes novos partidos non traerán
da man a liberdade para o noso pobo. Esta só
pode vir da man da loita popular a pe de rúa, da ligazón desta reivindicacións
co resto de demandas dos e das traballadoras tanto políticas como pola
mellora das condicións de vida.
Polo tanto só na loita polo socialismo e contra o
Estado fascista acadaremos as liberdades políticas plenas para o pobo galego. Mais para tal meta só nos queda a opción de
unir forzas e tecer lazos co resto de traballadores do Estado pola conquista dunha República Popular que
ten qué ter como primeira das tarefas a
concesión do dereito dos pobos a decidir se queren unirse ou separarse en
plena igualdade de condicións.
Chamemos así este
25 xullo a remarcar a necesidade da
organización a pe de rúa en todos os
planos fronte a este estado, a non caer en falsas ilusións e a tecer
fortemente o internacionalismo proletario,
todo isto como única forma de librar
tanto a nosa clase como o noso pobo de toda opresión.
POLO DEREITO DE
AUTODETERMINACIÓN DO POBO GALEGO
ORGANICEMOS A
LOITA POLA REPÚBLICA POPULAR!
No hay comentarios:
Publicar un comentario