miércoles, 22 de julio de 2015

Día da Patria 2015: Construír nas rúas o socialismo para facernos donos do noso futuro.


Día da Patria 2015: Construír nas rúas o socialismo para facernos donos do noso futuro.

Un ano máis atopámonos a tan só uns días do 25 de Xullo, Día da Patria Galega.  Como todos os anos nestas datas os traballadores, os estudantes, os parados... saen á rúa a reivindicar os dereitos nacionais do pobo galego. Pois como xa é ben sabido estes son negados intransixentemente polo Estado Español, tanto aquí como no resto de nacións oprimidas; un claro exemplo do mesmo  é a situación de Catalunya

Como mostra a situación non hai probabilidade algunha de que este réxime vaia ceder no dereito a decidir libremente do pobo galego; dende 1936 deixaron claras as súas intencións: a unidade de España é incuestionable e todo movemento en prol da independencia ou do dereito de autodeterminación dos pobos será represaliado e perseguido. Tal política sería mantida ao pe da letra na transición e quen non tragase e pasase polo aro xa sabía o que lle esperaba: persecución, tortura e cadea.

A día de hoxe atopámonos nunha situación, salvando as distancias, parecida a aqueles escuros anos da reforma política. A base social do réxime vese mermada, as protestas destes últimos anos desgastaron aos partidos, institucións e sindicatos de Estado. Ante isto só lles quedan dúas bazas: a represión por un lado e o lavado de cara por outro

Sobre o primeiro pouco hai que dicir, a represión cada día vai máis en aumento, así como se institucionaliza a mesma coa Lei Mordaza e reforma do Código Penal. Por outra banda incrementase o control policial sobre a poboación tanto nas rúas como nas redes, todo claro baixo o pretexto da terrible ameaza yihadista que eles mesmos apoiaron

Xunto con isto, como diciamos, saben que só lles queda renovarse ou morrer, así primeiro prepararon unha nova sucesión monárquica, e agora vemos como xorden novos partidos que dilúen todas as reivindicacións populares que viñan reivindicándose na rúa, e servíndose da falta de organización e o desgaste do movemento encauzan o mesmo cara as institucións

Desta forma non debe estrañarnos que non plantexen claramente a autodeterminación dos pobos, mais ben todo o contrario, manteñen a cuestión nunha ambigüidade cómplice co Estado e repiten como loros que non é unha cuestión fundamental. Polo nosa parte témolo claro: quen non reivindica o dereito a decidir dos pobos oprimidos non pode ser considerado sequera un demócrata, así non pode cabernos dúbidas de que estes novos partidos non traerán da man a liberdade para o noso pobo. Esta só pode vir da man da loita popular a pe de rúa, da ligazón desta reivindicacións co resto de demandas dos e das traballadoras tanto políticas como pola mellora das condicións de vida. 

Polo tanto só na loita polo socialismo e contra o Estado fascista acadaremos as liberdades políticas plenas para o pobo galego.  Mais para tal meta só nos queda a opción de unir forzas e tecer lazos co resto de traballadores do Estado pola conquista dunha República Popular que ten qué ter como primeira das tarefas a concesión do dereito dos pobos a decidir se queren unirse ou separarse en plena igualdade de condicións. 

Chamemos así este 25 xullo a remarcar a necesidade da organización a pe de rúa  en todos os planos fronte a este estado, a non caer en falsas ilusións e a tecer fortemente o internacionalismo proletario, todo isto como única forma de librar tanto a nosa clase como o noso pobo de toda opresión. 

POLO DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN DO POBO GALEGO
ORGANICEMOS A LOITA POLA REPÚBLICA POPULAR!