lunes, 9 de marzo de 2015

[10-Marzo] En recordo do día da Clase Obreira Galega



O 10 de Marzo celebramos o Día da Clase Obreira Galega, unha efeméride que é oficial dende o ano 2006 e que coincide adrede coa mesma data na que morreron dous traballadores de Bazán: Amador Rey e Daniel Niebla, que participaban nunha mobilización enmarcada na folga xeral de Ferrol de
1972.

Para comprender estes feitos hai que ter en conta que nos anos 60 producíronse na Galiza grandes transformacións económicas que se acompañaron dun aumento das migracións interiores. Moitos campesiños pobres acudiron a cidades coma Vigo ou Ferrol atraidos polo emprego das fábricas e da construcción naval. Este novo proletariado industirial protagonizou numerosos conflictos laborais e, xunto coas reprimendas do réxime en forma de represión e de despedimentos, estas loitas adquiriron un maior contido político. Todo isto acompañouse da formación dunha vangarda obreira que rompeu co reformismo e organizouse para levar a cabo a loita revolucionaria.

O 9 de Marzo de 1972, no estaleiro Bazán de Ferrol os traballadores encerráronse na fábrica, reivindicando a mellora das condicións de vida da súa clase e o dereito a negociar un convenio para os traballadores da súa factoría. A policía desaloxounos pola forza e os obreiros saíron á rúa, buscando a solidariedade doutros traballadores e difundindo a súa situación ante todo o pobo. A policía, armada con pistolas e metralletas, disparou ante uns manifestantes que se denfenderon con paus e pedras e que incluso lograron facer retroceder á policía. O tráxico resultado saldouse co asasinato a mans da Policía Armada dos obreiros Amador e Danial, un centenar de feridos e varios detidos que foron dispersados polos calabozos do Estado Español.


A esta loita obreira seguíronlle outras accións de solidariedade en Maio en Barreras e tamén noutros estaleiros de Vigo. En setembro do mesmo ano os traballadores de Citroën Vigo iniciaron unha folga pero foron duramente reprimidos. En resposta foi convoda unha Folga Xeral Revolucionaria que durou 15 días, durante os cales organizáronse piquetes, levantáronse barricadas e convertiuse a cidade nun campo de batalla. Finalmente os fascistas tiveron que ceder e facer algunhas concesións para lograr que se puxese fin á folga, como a readmisión de boa parte dos seis mil despedidos. Unha vez os obreiros se reintegraron no traballo, desencadenouse unha dura represión pero en xeral o movemento obreiro e sindical saíu enormemente reforzado, logrando importantes conquistas sociais e laborais.

Amador e Daniel, sempre na memoria!

domingo, 8 de marzo de 2015

A loita das mulleres traballadoras


Con motivo do Día da Muller Traballadora, 8 de marzo, convén que reflexionemos sobre a situación na que se atopa a muller traballadora e a súa loita pola emancipación de xénero.  Polo tanto, é un día para recordarnos a importancia da cuestión da muller no marco da loita pola emancipación da clase obreira.

As orixes do Día da Muller

Aínda que as orixes deste día remóntanse ao Woman’s Day de 1908, celebrado polas sufraxistas estadounidenses, esta xornada pronto adquiriu reivindicacións de carácter obreiro cando as mulleres traballadoras, ante a súa enorme sobreexplotación por parte dos patróns, déronlle tamén importancia ás reivindicacións pola mellora das condicións laborais. Así, en 1910, a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas decide, a proposta de Clara Zetkin, comezar a celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora.  Por outra banda, cabe destacar que o primeiro país do mundo en decretar oficial este día foi, sintomaticamente, a Unión Soviética, o primeiro Estado obreiro existente.

Polo tanto, sen entrar en facer análises históricas máis profundas, vemos que aínda que dende a Revolución Francesa as mulleres burguesas viñan reclamando ter as mesmas cotas de poder que os homes da súa clase acadaran, pronto, co auxe do movemento obreiro, foron as mulleres traballadoras as que enarbolaron a loita pola liberación da muller.


A situación da muller traballadora hoxe

Nos nosos días vemos como o pobo padece unha situación crónica de pobreza, pero son as mulleres as que máis sofren esta situación: cobran menos polo mesmo traballo, sonlles postas trabas para abortar, senten unha gran presión social sobre os seus corpos e sobre a súa forma de comportarse, son as que padecen máis violencia na intimidade da parella, etc.

As mulleres, historicamente, viñeron desenvolvendo o traballo doméstico, o traballo destinado a facer que os traballadores repuxeran as súa forza de traballo. Este traballo non foi remunerado e, polo tanto, minusvalorado, a pesar de ter unha vital importancia na produción. Sen embargo, hoxe en día vemos que, a pesar da súa incorporación ao traballo, seguen sendo elas as que cargan, por norma xeral, coa maioría do peso do traballo doméstico así como co da cría dos fillos.

Ademais das cuestións mencionadas, a muller é educada dende a infancia na submisión, na debilidade, na dependencia, mentres que os nenos dende ben pequenos son criados cos valores contrarios: a independencia, a responsabilidade, a toma de decisións… prepáranos para o traballo fóra da casa. Os valores que adquirimos cando somos pequenos condicionan o noso carácter (debemos ter presente que esta é unha das barreiras principais que as mulleres teñen para entrar a facer un traballo político).

Porén, a pesares de ter agora a condición de dobremente explotadas –polo patriarcado e polo capitalismo-, a incorporación da muller ao mundo laboral foi positiva. A muller fíxose máis independente e adquiriu conciencia da súa explotación de xénero, xa que despois da mesma xornada laboral tiña que facer ela soa todos os traballos domésticos, o que lle fixo preguntarse a razón para tal cousa. Ademais, adquiriu conciencia de clase, da explotación da clase obreira no seu conxunto, ao ter que enfrontarse ás penurias do traballo asalariado.

Polo tanto, a muller comeza  a participar na loita de clases tomando conciencia da súa situación. É dicir, a incorporación da muller ao mercado laboral, tamén é a incorporación da muller á resistencia, á loita pola liberación de toda a humanidade. Isto fai que se incorporen máis persoas ás fileiras da revolución. Polo tanto, a loita das mulleres é a loita de toda a clase traballadora, é a loita de todos nós.

Por iso concluímos que as mulleres traballadoras están dobremente explotadas, pola súa condición de mulleres e como traballadoras, e, polo tanto, a súa loita reviste dun dobre carácter: contra o patriarcado e contra o capitalismo. Por iso debemos facer especial fincapé na incorporación da muller á loita contra este sistema que nos oprime xa que sen a metade do pobo traballador non hai revolución.


A situación dos movementos “feministas”

Non podemos falar da existencia dun “movemento feminista” en singular, xa que nos referimos a un movemento que é reflexo dun sector da sociedade e, ao igual que esta, tamén se atopa dividido en clases sociais e, polo tanto, en diferentes movementos con diferentes reivindicacións segundo cada un.

Por un lado, atopámonos cunha especie de feminismo promovido especialmente dende as institucións, cuxo único fin é darlle aos movementos reaccionarios un lavado de cara puramente hipócrita para quedar ben de cara á galería da farsa parlamentaria.

Isto é algo que non beneficia ás mulleres obreiras, ás que lles resulta irrelevante que o seu explotador sexa home ou muller, xa que o que lles interesa é que se abola todo privilexio de clase. Isto é o que leva ao movemento feminino de carácter obreiro a encadrarse dentro do resto de loitas do pobo traballador para golpear todos xuntos ao mesmo tempo contra este sistema opresor.

Polo tanto, dende o Colectivo Outubro cremos que cómpre promover un movemento feminino de clase, que faga que as mulleres máis humildes tomen conciencia e loiten pola súa liberación. Fai falla un movemento feminino que non desvíe a maior parte dos nosos esforzos en cuestións de importancia secundaria nos nosos días.


Para nós son exemplo…

Existen numerosos exemplos de mulleres que se ergueron contra a súa opresión e a de todo o pobo, como as estudantes de México que hoxe loitan con valentía contra o Estado que asasinou a 43 estudantes por protestar; como as mulleres que serven na resistencia antifascista no Donbass ou as que loitan na selva da India coa guerrilla naxalita, que ten, a día de hoxe, un 40% de mulleres en todos os postos de responsabilidade, incluída a primeira liña da lume.

Tamén no Estado Español temos exemplos, como as mulleres que loitaron na resistencia antifascista nos primeiros días da guerra, como Rosario Dinamitera ou as coñecidas trece rosas; como as mulleres maquis, como as irmás galegas Antonia e Chelo Rodríguez ou como as que loitaron contra o fascismo nos nosos días, como a comunista Isabel Aparicio. Nunca puideron con ela, nunca claudicou, por iso a deixaron morrer na cadea negándolle a asistencia médica o pasado 1 de abril, ao igual que queren facer con Arantza Díaz, comunista encerrada en prisión gravemente enferma de cancro condenada a padecer unhas condicións durísimas -como negarlle a calefacción en inverno- que dificultan enormemente a súa recuperación.


Por todo isto, dende o Colectivo Outubro berramos:

Sen mulleres non hai revolución!
8 de marzo son todos os días!


Cada distinción especial cara ás mulleres no traballo dunha organización obreira é unha forma de elevar a conciencia das traballadoras e achegalas ás fileiras daqueles que están loitando por un futuro mellor. O Día da Muller e o lento, meticuloso traballo levado a cabo para elevar a auto-conciencia da muller traballadora están servindo á causa, non da división, senón da unión da clase traballadora.


Deixade que un sentimento alegre de servir á causa común da clase traballadora e de loitar simultaneamente pola emancipación feminina inspire ás traballadoras a unirse á celebración do Día da Muller. 

ALEXANDRA KOLLONTAI: El Día de la Mujer (1913).