martes, 22 de abril de 2014

Quen somos?

O Colectivo Outubro é un colectivo comunista santiagués que ten como obxectivo a revolución socialista. Polo tanto,  guiamos a nosa actuación e traballo en prol da defensa dos intereses da clase obreira e dos sectores populares, sempre en base aos principios do marxismo-leninismo.

O Colectivo Outubro loita por:

1. Unha mellora real do nivel de vida do pobo: traballo digno para todos, redución da xornada laboral etc., así como unha educación gratituita e integral a todos os niveis, a sanidade publica, a diminución da idade de xubilación e a concesión de espazos e locais propios para a xuventude. Todas estas medidas pasan inevitablemente pola expropiación e socialización dos grandes monopolios industriais e agropecuarios, dos grandes terreos e da banca.

2. Liberdades políticas e sindicais plenas. Liberdade de expresión, organización e manifestación. Cese da represión e disolución dos corpos represivos . Isto pasa pola amnistía dos presos/as políticos/as e pola absolución dos/as encausados/as por loitar. A derrogación da Lei de Seguridade Cidadá, Lei de Partidos, Lei Antiterrorista e toda lexislación represiva. Eliminación da Audiencia Nacional depuración de todos os implicados na represión e xulgamento dos torturadores.

3. Dereito de autodeterminación das nacións oprimidas polo Estado Español, ata constituírse como estado propio se así o decidisen. Defensa e potenciación da cultura e do idioma galego, por ser o único propio da Galiza. A consecución deste obxetivo pasa pola destrución do Estado Español e a celebración dun referéndum de independencia con plenas liberdades políticas.

4. A eliminación do patriarcado. Cese de toda discriminación, agresión, explotación sexual etc. sobre as mulleres traballadoras. Incorporación en pé de igualdade das mulleres á vida, económica, social e política. Isto só pode ser acadado mediante o cambio da estrutura económica do capital e a construción do socialismo.

5. Saída inmediata da OTAN e da UE por ser estruturas imperialistas para a pillaxe, a guerra e os beneficios dos grandes monopolios europeos e americanos. Ademais disto, debemos mostrar solidariedade con todos os pobos, en especial con aqueles que loitan contra o imperialismo.

Plenamente conscientes de que estas reivindicacións de corte democrático e popular non poden ser realizadas nin dentro do marco político do Estado Español nin dentro do modo de produción capitalista, encamiñamos todos os nosos esforzos á destrución do réxime político actual e á construción da República Popular, na cal se levarán a cabo as anteriores reivindicacións e se dará paso a construción do socialismo.