jueves, 4 de diciembre de 2014

Transición e Constitución de 1978

Este 6 de decembro celébrase o 36º aniversario da "aprobación" en urnas da Constitución Española. Así dende as altas esferas tiran confeti e vivas a España: é a festa da democracia. Mais deixando á marxe as fabulosas mentiras que proclaman estes politicuchos de toda cor, analicemos brevemente a realidade do que foi a transición e a proclamación da Constitución de 1978. 

Como data de arranque situarémonos en 1969 cando Franco nomea ao seu fiel cachorro sucesor, saltándose deste xeito a liña dinástica dos Borbóns. Todo vale por ter a un  aférrimo defensor  dos principios do Movimiento Nacional, ou polo menos así o xurou el mesmo. Estes anos, os 60 e 70 estarán marcados pola ruptura do PCE e a aparición de novas organizacións comunistas como: ORT, PCE(m-l), OMLE, PCE(i) entre outras. E por outra banda situámonos nos albores da loita nacional vasca así como a creación e desenvolvemento da UPG na Galiza. Como todos sabemos, a día de hoxe poucas destas organizacións seguen firmes nos seus principios, ou sequera existen. A creación de todas estas organizacións foi paralela a un forte incremento das mobilizacións polas liberdades políticas, polo auxe do movemento obreiro e da loita pola amnistía.

Chegado ao 1975 morre Franco e é nomeado rei D. Juan Carlos; a continuación as Cortes Franquistas convocan unhas eleccións lexislativas, as cales maxicamente ao saír os resultados os electos auto-outórganse a lexitimidade para elaborar unha Constitución. Isto evidentemente non ten ningún tipo de lexitimidade nin para a propia legalidade burguesa.  Pois, un proceso real de ruptura democrática só podería ter pasado pola creación dun goberno provisional, a apertura dun período con plenas liberdades políticas coa conseguinte amnistía total para posteriormente convocar unhas eleccións constituíntes. Xa que para que un proceso electoral teña lexitimidade primeiro teñen que haber liberdades plenas

A realidade en cambio foi unha terrible represión con centos de mortos neste período. O ruído de sables como elemento de control social polo pánico. A autoaplicación da amnistía aos fascistas torturadores e cómplices do réxime, mais non a todos os antifascistas. Así como a non legalización dos partidos que se negaban a pasar polo aro. A todo isto súmaselle a continuidade absoluta do aparato estatal, policial, xurídico e militar do franquismo á democracia. Así como a incuestionabilidade  da monarquía e da unidade de España. Ante todo isto pódese concluír que non houbo ningunha transición, nin constitución democrática dende o 1936 a día de hoxe. 

A Constitución de 1978 só se pode entender como a instucionalización do fascismo no Estado Español. Cousa que podemos observar nas rúas hoxe máis que nunca. O fascismo é misera e opresión para o pobo. Ante isto, alcemos a bandeira da loita antifascista!

POLA REPÚBLICA POPULAR E O SOCIALISMO: 
ABAIXO O RÉXIME FASCISTA!



lunes, 20 de octubre de 2014

Ante a convocatoria de folga estudantil do 21 ao 23 de outubro.

É ben coñecida por todos a difícil situación da mocidade galega, especialmente dende o comezo da crise. O panorama económico non podería ser peor: un paro xuvenil de más do 40%, traballos precarios na máis inmunda explotación e na maior parte de carácter temporal, miles de mozos forzados a emigrar, etc.

Por outra banda, os que decidiron continuar os seus estudos só se atopan con dificultades á hora de poder pagalos, causa esta da subida de taxas sumado aos recortes e dificultades ao acceso ás bolsas. Aínda por riba, dende o Plan Bolonia queda imposibilitada a idea de compatibilizar estudo e traballo. Nesta dura conxuntura, o goberno, ao servizo da oligarquía, continúa co seu plan de apartar aos mozos de extracción popular da universidade, así como de converter as universidades en anexos das grandes empresas. Nesta liña vai a LOMCE e a Estratexia Universidade 2015, que potenciarán a entrada do capital privado na universidade. No plano ideolóxico o ataque é similar: búsqueda da destrución da lingua galega así como a intromisión da relixión no ensino.

A pesares desta grave situación, o estudantado aínda non conta con ningún órgano de decisión e organización, sendo esta realidade aproveitada por sindicatos oportunistas como o Sindicato de Estudantes (SE) para desmobilizar con folgas-farsa, así como para atraer xente á súa órbita, podendo así chupar máis do bote das subvencións. Esta folga foi convocada unilateralmente polo S.E. sen consultar, nin intentar confluír forzas con ningunha das existentes organizacións estudantís, nin co estudantado en xeral.

Así chamamos aos estudantes a non secundar a folga, mais si a organizarse e loitar; a facer da nosa forma de loita a asemblea e a elección de delegados revogables; a deixar xa de confiar nestes sindicatuchos vende-estudantes; así como a unir as nosas esixencias ás do resto da mocidade traballadora e da clase obreira no seu conxunto. Pois só unificando nun torrente de loita as diferentes reivindicacións, sexan económicas ou políticas, poderemos acabar con este réxime da opresión e da miseria.


FOLGA SI, PERO NON ASÍ!

FÓRA OS SINDICATUCHOS VENDE-ESTUDANTES!


OBREIROS E ESTUDANTES UNIDOS E ADIANTE!

martes, 7 de octubre de 2014

Comunicado ante a detención de Raul A.C.

RAUL LIBERDADE!

O venres tres deste mes foi secuestrado sobre as tres da tarde o militante independentista Raul A. C. Para isto foron desprazados un número desorbitado de efectivos da Guardia Civil dende Madrid, para inmediatamente ser rexistrado o seu domicilio. Ao acabar o rexistro, Raul foi trasladado a Madrid baixo a aplicación da Lei Antiterrorista. Despois de tres duros días incomunicado foi trasladado a Soto del Real, sen posibilidade de saír en liberdade baixo fianza. Tanto o informe policial como os medios tachárono de perigoso terrorista.

Nós entendemos que para o pobo traballador galego non existe máis terrorismo que o causado por este sistema socioeconómico e polo estado policial baixo o cal vivimos. O único terrorismo que existe a día de hoxe na Galiza é o paro, a emigración, as pésimas condicións de vida dos traballadores e a represión policial. Raul non é ningún terrorista, quen o coñeceu non pode ter máis opinión del que a dun mozo comprometido, bo e solidario. Eses son precisamente os motivos polo cal o deteñen: por non calar, por loitar, por non permitir as inxustizas. A nós escandalízanos a miseria, escandalízanos que calquera político ou alcalde poida dar vivas a un xenocida como Franco . Temos claro os que son verdugos e os que son vítimas, por moito que os medios de manipulación queiran invertir os termos.


Evidentemente non imos negar a existencia da violencia política na Galiza pero temos claro que é froito da intransixencia do Estado español. Eles son os que forzan a moitos mozos a adoptar a vía da loita armada. O caso de Catalunya está evidenciando que non hai posibilidade de diálogo nin de solución política ao problema  das nacións oprimidas do Estado. Indiferentemente da nosa opinión a realidade é que na Galiza existe un problema político que só pode ser resolto politicamente, mais estes fascistas só parecen entender de reprimir, meter medo e dar paus. Así mesmo o Colectivo Outubro denuncia todo o entramado lexislativo fascista. Estamos pola derrogación da lexislación e tribunais especiais  para delitos  políticos, coñecidas como “Lei Antiterrorista” e  como Audiencia Nacional. Corpus xurídico herdado directamente do franquismo na chamada “transición”. Esiximos indubidabelmente a liberdade inmediata de Raul e de todos o presos políticos. 

Raul liberdade!
Por unha Galiza libre: abaixo o fascismo!

Amnistía total!

lunes, 21 de julio de 2014

DÍA DA PATRIA 2014


DÍA DA PATRIA 2014: LIBERAR A NOSA CLASE PARA LIBERAR O NOSO POBO.

Achégase un ano máis o 25 de xullo, Día da Patria Galega, a situación económica e social non podía ser peor para o pobo traballador galego. No plano económico reina o paro e a precariedade laboral, asentados sobre a reforma laboral aprobada nas cortes fascistas ca firma da patronal e as mafias sindicais. Por outra banda o réxime nega os máis elementais dereitos democráticos, tales como a autodeterminación, o dereito de reunión e manifestación, as liberdades sindicais... por medio da represión.
Nos últimos meses sucedéronse diversas actuacións represivas levadas a cabo por parte do Estado Español, exemplarizadas na detención, encercalemanto e dispersión da independentista galega María Osorio, esta reacción ante a loita popular contará cun novo marco legal aínda máis restrictivo: a Lei Mordaza.
Ante esta situación so nos queda saír a rúa un ano máis, tendo claro que só a clase obreira e os sectores populares poden resolver os problemas nacionais e democráticos da Galiza. Deste xeito únicamente ligando a loita pola liberdade da nosa nación ao resto de loitas populares como a demanda da amnistía dos presos políticos, ou a loita contra a explotación patronal poderemos vencer.
Mais tamén debemos facer especial fincapé este 25 de xullo na solidariedade internacionalista ca Ucraína antifascista e co pobo palestino que están loitar contra a ofensiva internacional do imperialismo e do fascismo.
Finalmente,en relación á autodeterminación, hai que ter claro que o dereito da Galiza a separarse do Estado Español ou a unirse en plena igualdade a outros pobos precisa da organización da clase traballadora e de todos os antifascistas co fin de desenmascarar as institucións burguesas, os sindicatos vendeobreiros , as mascaradas electorais e as forzas policiais e represivas deste estado, exercendo a desobediencia civil e o boicot para aislar o réxime.
POLA AUTODETERMINACIÓN DO POBO GALEGO,
REPÚBLICA POPULAR!




martes, 22 de abril de 2014

Quen somos?

O Colectivo Outubro é un colectivo comunista santiagués que ten como obxectivo a revolución socialista. Polo tanto,  guiamos a nosa actuación e traballo en prol da defensa dos intereses da clase obreira e dos sectores populares, sempre en base aos principios do marxismo-leninismo.

O Colectivo Outubro loita por:

1. Unha mellora real do nivel de vida do pobo: traballo digno para todos, redución da xornada laboral etc., así como unha educación gratituita e integral a todos os niveis, a sanidade publica, a diminución da idade de xubilación e a concesión de espazos e locais propios para a xuventude. Todas estas medidas pasan inevitablemente pola expropiación e socialización dos grandes monopolios industriais e agropecuarios, dos grandes terreos e da banca.

2. Liberdades políticas e sindicais plenas. Liberdade de expresión, organización e manifestación. Cese da represión e disolución dos corpos represivos . Isto pasa pola amnistía dos presos/as políticos/as e pola absolución dos/as encausados/as por loitar. A derrogación da Lei de Seguridade Cidadá, Lei de Partidos, Lei Antiterrorista e toda lexislación represiva. Eliminación da Audiencia Nacional depuración de todos os implicados na represión e xulgamento dos torturadores.

3. Dereito de autodeterminación das nacións oprimidas polo Estado Español, ata constituírse como estado propio se así o decidisen. Defensa e potenciación da cultura e do idioma galego, por ser o único propio da Galiza. A consecución deste obxetivo pasa pola destrución do Estado Español e a celebración dun referéndum de independencia con plenas liberdades políticas.

4. A eliminación do patriarcado. Cese de toda discriminación, agresión, explotación sexual etc. sobre as mulleres traballadoras. Incorporación en pé de igualdade das mulleres á vida, económica, social e política. Isto só pode ser acadado mediante o cambio da estrutura económica do capital e a construción do socialismo.

5. Saída inmediata da OTAN e da UE por ser estruturas imperialistas para a pillaxe, a guerra e os beneficios dos grandes monopolios europeos e americanos. Ademais disto, debemos mostrar solidariedade con todos os pobos, en especial con aqueles que loitan contra o imperialismo.

Plenamente conscientes de que estas reivindicacións de corte democrático e popular non poden ser realizadas nin dentro do marco político do Estado Español nin dentro do modo de produción capitalista, encamiñamos todos os nosos esforzos á destrución do réxime político actual e á construción da República Popular, na cal se levarán a cabo as anteriores reivindicacións e se dará paso a construción do socialismo.