martes, 7 de octubre de 2014

Comunicado ante a detención de Raul A.C.

RAUL LIBERDADE!

O venres tres deste mes foi secuestrado sobre as tres da tarde o militante independentista Raul A. C. Para isto foron desprazados un número desorbitado de efectivos da Guardia Civil dende Madrid, para inmediatamente ser rexistrado o seu domicilio. Ao acabar o rexistro, Raul foi trasladado a Madrid baixo a aplicación da Lei Antiterrorista. Despois de tres duros días incomunicado foi trasladado a Soto del Real, sen posibilidade de saír en liberdade baixo fianza. Tanto o informe policial como os medios tachárono de perigoso terrorista.

Nós entendemos que para o pobo traballador galego non existe máis terrorismo que o causado por este sistema socioeconómico e polo estado policial baixo o cal vivimos. O único terrorismo que existe a día de hoxe na Galiza é o paro, a emigración, as pésimas condicións de vida dos traballadores e a represión policial. Raul non é ningún terrorista, quen o coñeceu non pode ter máis opinión del que a dun mozo comprometido, bo e solidario. Eses son precisamente os motivos polo cal o deteñen: por non calar, por loitar, por non permitir as inxustizas. A nós escandalízanos a miseria, escandalízanos que calquera político ou alcalde poida dar vivas a un xenocida como Franco . Temos claro os que son verdugos e os que son vítimas, por moito que os medios de manipulación queiran invertir os termos.


Evidentemente non imos negar a existencia da violencia política na Galiza pero temos claro que é froito da intransixencia do Estado español. Eles son os que forzan a moitos mozos a adoptar a vía da loita armada. O caso de Catalunya está evidenciando que non hai posibilidade de diálogo nin de solución política ao problema  das nacións oprimidas do Estado. Indiferentemente da nosa opinión a realidade é que na Galiza existe un problema político que só pode ser resolto politicamente, mais estes fascistas só parecen entender de reprimir, meter medo e dar paus. Así mesmo o Colectivo Outubro denuncia todo o entramado lexislativo fascista. Estamos pola derrogación da lexislación e tribunais especiais  para delitos  políticos, coñecidas como “Lei Antiterrorista” e  como Audiencia Nacional. Corpus xurídico herdado directamente do franquismo na chamada “transición”. Esiximos indubidabelmente a liberdade inmediata de Raul e de todos o presos políticos. 

Raul liberdade!
Por unha Galiza libre: abaixo o fascismo!

Amnistía total!

No hay comentarios:

Publicar un comentario