jueves, 19 de febrero de 2015

O 26 de febreiro: Tod@s á folga!

Basta xa de pisotear ao estudantado, non tiñan suficiente con implantar a LOMCE, con subir as taxas, con dificultar o acceso aos fillos dos traballadores obstaculizando a obtención de bolsas e con reválidas.  Non, non lles bastaba, na súa estratexia de facer da universidade un negocio propio e ao servizo de bancos e grandes  empresas, a USC, no claustro celebrado o 18 de novembro de 2014, aproba a venda das facultades de Enfermería e Maxisterio (reubicando aos estudantes noutras facultades xa masificadas), así como a redución de 300 postos de traballo para os próximos 3 anos, mediante non-renovacións e xubilacións forzosas.

A isto se lle vén sumando a aprobación do novo plan universitario 3+2, que implica unha redución do grao a 3 anos e un aumento do máster a 2. Desta forma, o grao vai ser máis xeralista e se fará máis preciso o estudo dun máster, cuxas matrículas son extremadamente caras. Isto precarizará aínda máis o noso ensino e poranos moi difícil aos fillos dos traballadores poder estudar unha carreira universitaria.

Ante isto as distintas Asembleas Abertas xunto con outras organizacións estudantís deciden convocar Folga o día 26, unificando todas as revindicacións propias de cada facultade, mais non quedándose en loitar por fungallas, senón reclamando o ensino que nos corresponde: un ensino popular, non patriarcal e en galego!

Para este fin organizáronse e estanse a organizar Comités de Folga en cada centro de ensino, coordinándose todos eles por medio de representante escollidos democraticamente e revogables en calquera momento, método de organización  que está a demostrarse o máis útil e democrático. Dende o Colectivo Outubro animámosvos a todos os estudantes a participar no comité de folga dos vosos centros de estudo, á marxe dos chanchulleos do Sindicato de Estudantes e outras organizacións estudantís.

Pero temos que ter claro que a vitoria só é posible  xuntando forzas co resto de loitas populares, unificando cada reivindicación concreta, xa sexa contra o paro, a precariedade,  ou a represión nun só torrente de loita na rúa. Neste largo camiño debemos organizarnos ao marxe e desfacernos de aquelas organizacións sindicais que lastran o avance do movemento estudantil, preguntándonos a cada paso que damos cara onde nos diriximos, evitando caer no culto a folga e fuxindo das convocatorias de certas organizacións (como o SE) que teñen como único fin desmoralizar e desmobilizar o movemento estudantil.

De cara ao día 26 chamamos a todos os estudantes a secundar a manifestación as 11.30 na Alameda e a realizar piquetes, defendendo cos medios que sexa preciso o dereito a folga e o éxito da mesma; e revindicando con máis forza que nunca a absolución  dos tres compañeiros represaliados por protestar contra Feijoo, así como o cese absoluto da represión contra o movemento estudantil.

Finalmente queremos facer un chamamento a non desaproveitar  a coordinación que entre os diversos centros de estudo está xurdindo,  por medio da cal estamos compartindo experiencias e aumentando exponencialmente a nosa capacidade de loita. Da Coordinadora de Comités de Folga debe quedar unha experiencia organizativa que permita darlle continuidade á loita ata acadar todos os nosos obxectivos, cuxa estrutura debe basearse na organización asemblearia e na elección de representantes revogables en calquera momento.

Por un ensino ao servizo do pobo!

Absolución estudantes represaliados!