lunes, 9 de marzo de 2015

[10-Marzo] En recordo do día da Clase Obreira Galega



O 10 de Marzo celebramos o Día da Clase Obreira Galega, unha efeméride que é oficial dende o ano 2006 e que coincide adrede coa mesma data na que morreron dous traballadores de Bazán: Amador Rey e Daniel Niebla, que participaban nunha mobilización enmarcada na folga xeral de Ferrol de
1972.

Para comprender estes feitos hai que ter en conta que nos anos 60 producíronse na Galiza grandes transformacións económicas que se acompañaron dun aumento das migracións interiores. Moitos campesiños pobres acudiron a cidades coma Vigo ou Ferrol atraidos polo emprego das fábricas e da construcción naval. Este novo proletariado industirial protagonizou numerosos conflictos laborais e, xunto coas reprimendas do réxime en forma de represión e de despedimentos, estas loitas adquiriron un maior contido político. Todo isto acompañouse da formación dunha vangarda obreira que rompeu co reformismo e organizouse para levar a cabo a loita revolucionaria.

O 9 de Marzo de 1972, no estaleiro Bazán de Ferrol os traballadores encerráronse na fábrica, reivindicando a mellora das condicións de vida da súa clase e o dereito a negociar un convenio para os traballadores da súa factoría. A policía desaloxounos pola forza e os obreiros saíron á rúa, buscando a solidariedade doutros traballadores e difundindo a súa situación ante todo o pobo. A policía, armada con pistolas e metralletas, disparou ante uns manifestantes que se denfenderon con paus e pedras e que incluso lograron facer retroceder á policía. O tráxico resultado saldouse co asasinato a mans da Policía Armada dos obreiros Amador e Danial, un centenar de feridos e varios detidos que foron dispersados polos calabozos do Estado Español.


A esta loita obreira seguíronlle outras accións de solidariedade en Maio en Barreras e tamén noutros estaleiros de Vigo. En setembro do mesmo ano os traballadores de Citroën Vigo iniciaron unha folga pero foron duramente reprimidos. En resposta foi convoda unha Folga Xeral Revolucionaria que durou 15 días, durante os cales organizáronse piquetes, levantáronse barricadas e convertiuse a cidade nun campo de batalla. Finalmente os fascistas tiveron que ceder e facer algunhas concesións para lograr que se puxese fin á folga, como a readmisión de boa parte dos seis mil despedidos. Unha vez os obreiros se reintegraron no traballo, desencadenouse unha dura represión pero en xeral o movemento obreiro e sindical saíu enormemente reforzado, logrando importantes conquistas sociais e laborais.

Amador e Daniel, sempre na memoria!

No hay comentarios:

Publicar un comentario